Qué é un cosmecéutico

Que é un cosmecéutico?

A palabra "cosmecéutico" non ten en realidade recoñecemento oficial ou adminstrativo. Foi introducida en 1984 polo dermatólogo norteamericano Albert Kligman para designar a un cosmético con certa acción tratante. Por iso, esta expresión é unha mestura entre os termos "cosmético" e "farmacético". Desde un punto de vista legal -e seguindo a definición de cosmético da normativa española e europea- estes produtos non deberían ser cosméticos en sentido estrito porque fan algo máis que "limpar, coidar ou protexer", pero tampouco encaixan de todo como medicamento. Por tanto, aínda que esta expresión poida parecer un tanto pretensiosa ou excesiva para un cosmético, son considerados cosméticos con certa eficacia (por suposto, limitada) na mellora do avellentamento cutáneo, no control do sebo ou das manchas cutáneas ou que conseguen calmar a pel irritada. Algúns exemplos son os seguintes:

SUSTANCIAS ANTIAVELLENTAMENTO

Alfa-hidroxi-ácidos. Son ácidos orgánicos, a maioría de orixe vexetal, coma o ácido málico (que está na mazá, do latín, malus: mazá), na cana de zucre (coma o ácido glicólico), ou no leite, (coma o ácido láctico). O ácido tartárico, pirúvico, cítrico ou mandélico tamén forman parte de este grupo pero teñen menos utilización. é desta familia o ácido ascórbico -que en realidade é a vitamina C-, sendo tamén un potente antioxidante. Actúan aumentando o espesor do estrato córneo da pel (aínda que tamén con algo de tendencia á exfoliación), mellorando a flexibilidade e aumentando o grosor da derme e favorecendo a síntese de coláxeno.

Retinoides. A isotretinoína e o ácido retinoico son os principais representantes deste grupo, pero son medicamentos. Considéranse, en cambio, cosméticos, algúns derivados desta familia coma o retinaldehído ou o retinol. Son derivados sinténticos da vitamina A. Melloran a queratinización, reducen a produción de sebo e a maduración celular polo que son útiles tanto para o avellentamento cutáneo como para a acne.

Antioxidantes. Son un conxunto heteroxéneo de moléculas que neutralizan a acción dos radicais libres do metabolismo e os ligados á acción das radiacións solar e ionizante na pel. As vitaminas C e E, os polifenois do té verde ou da semente da uva, os carotenoides, o resveratrol, o coenzima Q-10 (tamén chamado ubiquinona).

Isoflavonas. Estes produtos atópanse en diversos vexetais, maiormente na semente da soia. A xenisteína e a daidzeína son as máis importantes. Como son moi semellantes ós estróxenos, teñen unha acción beneficiosa para a pel no caso de mulleres postmenopáusicas, mantendo o estímulo positivo que estes exercen sobre a pel.

SUSTANCIAS SEBOSTÁTICAS

Son aquelas que conseguen diminuír a produción de sebo polas glándulas sebáceas da pel ou regular os efectos do exceso de sebo sobre a pel. Algunhas delas actúan inhibindo ou freando a acción excesiva do encima alfa-5-reductasa das glándulas sebáceas e folículos pilosos. Este encima cambia a testosterona a dihidrotestosterona (un andróxeno moito máis potente) Exemplos deste grupo son a crapyloilglicina e o ácido acelaico. Tamén algunhas sales de zinc, coma o gluconato de zinc ou pirrolidón carboxilato (PCA) de zinc, teñen este efecto. Podemos considerar igualmente asociadas a este grupo as sustancias que combaten o crecemento excesivo de Malassezia furfur, unha levadura normal da pel que que medra de forma expoñencial cando hai un exceso de sebo e irrita a pel. O principal representante deste grupo é o octopirox (tamén chamado piroctona olamina)

SUSTANCIAS BRANQUEXANTES

Os produtos tópicos para mellorar as manchas da pel asociadas a cambios hormonais ou ó avellentamento son escasas e pouco eficaces. Pero entre elas figuran o ácido kóxico, a arbutina, o undecilenoil fenilalanina (Sepiwhite) ou o ácido acelaico. Os compostos máis eficaces son os derivados fenólicos: o ispropilcatecol, o N-acetil-4-S-cisteminilfenol e o mellor e, sobre todo, a hidroquinona, que hai anos era considerado cosmético pero que pasou a ser medicamento polo seu peculiar perfil químico.

SUSTANCIAS CALMANTES

Nun concepto amplo de cosmecéuticos poemos incluír tamén o ictiol, que é un aceite mineral extraído de restos fósiles de peixes, que ten un efecto calmante e antiirritante sobre as peles con procesos inflamatorios. Até mediados dos anos noventa, incluíase neste grupo algúns derivados alquitranados que -polas súas peculiaridades químicas e perfil de seguridade- pasaron a considerarse medicamentos.

voltar á páxina principal